martes, 9 de junio de 2009

A Consellería do Mar redactará unha nova orde provisional para regular a pesca deportiva

A iniciativa consensuarase co sector e se remitirá ó Consello Galego de Pesca
Así o asegurou o director xeral de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños, Pablo Fernández , na Comisión 8º de Pesca e Marisqueo.
Servirá para dar resposta á demanda dun sector no que participan 55.000 galegos ata que entre en vigor a nova Lei de Pesca.

Santiago, 4 de xuño de 2009.- A Consellería do Mar está a traballar na redacción dunha nova orde provisional para regular a pesca deportiva mentres non entre en vigor a nova Lei de Pesca. Así o asegurou o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, que recalcou na comisión oitava de Pesca e Marisqueo que o texto se remitirá ó Consello Galego de Pesca, para buscar o consentimento do sector.
A nova orde pretende conseguir que esta actividade de ocio e turismo marítimo-pesqueiro conviva en harmonía coa pesca profesional e non interfira nela ou a prexudique. O seu obxectivo é compatibilizar ambas actividades para coordinar a explotación e conservación dos recursos mariños e lograr un equilibrio ecolóxico á vez que social e económico.
A Consellería considera necesario regular minimamente a actividade transitoriamente, xa que “con máis e mellor control” evitarse o furtivismo no que “dexenera a inconsciencia dalgúns poucos”, e que afecta por igual a profesionais e a deportivos.
A iniciativa, segundo explicou o director xeral, servirá para cubrir o baleiro legal existente, regulará os cebos e as capturas e simplificará a burocracia existente nesta actividade, da que participan 55.000 galegos e galegas.
A Consellería do Mar está a traballar xa na Lei de pesca de Galicia. Nun breve tempo as modificacións se levarán ó Parlamento, co consenso previo co sector, xa que será a súa norma básica de traballo. Unha vez que se aprobe, o departamento que dirixe Rosa Quintana desenvolverá un novo decreto e unha nova orde para regular a pesca deportiva. Pablo Fernández entende que aínda que urxe regular esta actividade “non podemos definir liñas particulares sen definir as xerais”.

No hay comentarios: