martes, 2 de junio de 2009

CONFERENCIA Problemas xeotécnicos e ambientais asociados a macizos rochosos con sulfuros metálicos.



O domingo, día 31 de maio, a xeóloga Virxinia Ormaechea Delgado ilustrou a un grupo de pescadores, técnicos, presidentes de clubs e federativos coa súa brillante exposición por título Problemas xeotécnicos e ambientais asociados a macizos rochosos con sulfuros metálicos, na que se analizaron as consecuencias da actividade humana coas grandes obras de infraestruturas e dos seus efectos non desexados, que normalmente non se analizan dende o punto de vista do "impacto ambiental" e dos que non se fai un seguimento, tal e como sucede cos movementos de terra, que se son verdadeiramente problemáticos. Cando se realizan os desmontes o material esmiuzado é utilizado como elemento de recheo para conseguir niveis. É nestes nos que se dan os problemas, non só cos causados pola erosión, senón tamén con aqueles nos que se usan achegas de rochas e gravas con mineral de ferro (piritas) as cales en contacto co aire se oxidan e en contacto coa auga, fundamentalmente de chuvia, se descompoñen en hidróxido de ferro e ácido sulfúrico, que coa acción de bacterias este proceso se acelera. Estas rochas son as chamadas ácido-sulfatadas que son as que están a crear problemas na bacía do Eume e outros ríos próximos. É probable que noutras obras que se están a realizar nas zonas de Mondoñedo e de Abadín (Transcantábrica) poidan causar os mesmos problemas se non se extreman as precaucións.

A súa exposición estivo centrada nas súas investigacións sobre temas semellantes no País Vasco, que afectan a edificacións de obra pública, construción de vivendas e explotacións agrarias, deteriorando zapatas, alterando o formigón e destruíndo a estrutura. Tamén informou dos problemas que se deron e se dan no norte de Australia (onde se falou por primeira vez deste fenómeno), Hokkaido en Xapón; e en España: en Río Tinto (Huelva), País Vasco e no Eume en Galicia. Sobre Galicia manexou material gráfico cedido por Raúl López de www.vadeando.com e da propia Federación.

As solucións pasan por realizar investimentos a maiores para neutralizar a descomposición da rocha fragmentada, que como se puido observar nunha fotografía, en zonas de talud cubertas con rocha calcaria neutralizaban esa descomposición, fronte ás non cubertas nas que se manifestaba xa o proceso.

É importante solucionar este problema non só pola saúde dos ríos e da súa vida, senón tamén pola saúde humana, pois este proceso desencadea outros como o de facer solubles o aluminio e o manganeso (tóxicos para as plantas), converter o fósforo e o manganeso en insolubles co que non poden asimilar as plantas; conseguindo deste modo un empobrecemento do hábitat. Aparición de elementos prexudiciais para a saúde das persoas e animais como son os compostos de arsénico. Como curiosidade mostrou imaxes dun tipo de planta que se dá en augas extremadamente ácidas: Melaleuca ericafolia.

En resumo, resultou unha conferencia ilustrativa sobre un problema que xurdiu coa crise do Eume e que aínda terá as súas rabexadas se non se actúa con contundencia. Aínda que non foi moi ampla a afluencia de público, si houbo participación do persoal técnico da Dirección de Conservación dá Natureza aínda que houbo ausencias doutros organismos plenamente involucrados.

No hay comentarios: