lunes, 16 de abril de 2012

VII CAMPIONATO DE PESCA "TERRA DE MELIDE"



Gañadores do VII Campionato de pesca “Terra de Melide”

Asociación de Troiteiros “Río Furelos”

Este sábado, 14 de abril, vén de celebrarse nas augas do río Furelos (Melide-Toques) a VII edición do Campionato de Pesca organizado pola Asociación de Troiteiros “Río Furelos”. A convocatoria tivo moito éxito e a sorte estivo moi repartida porque os agraciados no sorteo son pescadores de Melide, Toques, Sobrado, Friol, Arzúa, Agolada, Lalín e A Estrada.

A xornada comezou ás 7,30 da mañá na Churrería O Burato, onde se reuniron os 15 participantes que a deusa Fortuna escolleu de entre todos os inscritos. Alí, despois do preceptivo chocolate con churros, procedeuse ao sorteo dos tramos de río (700 metros) que ocuparía cada troiteiro, todos con cadanseu xuíz.

De camiño ao río nunha mañá fría, os nubeiros ameazantes, cadaquén ía cavilando nas estratexias necesarias para contrarrestar coa máxima habelencia as inclemencias do tempo. Depois dunha seca tan prolongada as últimas choivas poderían favorcer as capturas ou todo o contrario.

Ás 8,30 deu comezo a competición e rematou coa concentración dos participantes ás 13 horas para xuntárense todos na praia fluvial ás 13,30. Mentres a organización os agasallaba cuns pinchos, levouse a cabo o reconto e medición das capturas. Rematados os labores de control por parte de representantes da Asociación o resultado da competición foi o seguinte:

En total pescáronse 53 troitas da medida.

O campión por número de capturas foi: Jesus Pampín Negro de Melide , que foi quen de meter no cesto 9 troitas.

Olugar ocupouno Iván Bruzos Cendán de Palas de Rei , con 8 capturas.

O 3º posto foi para Rubén Gomez Lodeiro de Melide que meteu no cesto 7 troitas.

O premio pola mellor captura recaeu en Antonio Sanchez Carril que presentou unha troita que chegou a medir 29 centímetros acompañada doutras 3 capturas.

Na mesma Praia Fluvial tributóuselles un recoñecemento simbólico aos gañadores, porque a entrega de premios ficou reservada para o xantar que se celebrou ás 14,30 na Cervexería Orois de Melide. Ademais dos premios que lle foron entregados aos triunfadores, membros da Asociación tamén entregaron agasallos en forma de material a todos os participantes.

A directiva da Asociación de Troiteiros “Río Furelos”, manifesta a satisfacción polo impecable desenvolvemento do campionato, o extraordinario comportamento dos participantes e a profesionalidade dos xuíces que controlaron todo o proceso, malia as inclemencias do tempo.

En nome da Asociación, o seu presidente, Xavier Pazo Blanco, quere rematar este comunicado felicitando publicamente aos gañadores e, en xeral, a todos os participantes, e agradece, máis unha vez, o esforzo de institucións, empresas e particulares que colaboraron na organización desta nova edición do campionato.

Melide 14 de abril de 2012

O Presidente da Asociación de Troiteiros “Río Furelos”

Xavier Pazo Blanco

No hay comentarios: