Traballadores do Concello de Melide e da empresa responsable do vertido, Manfor S.L., comezaron canto antes cos labores de retirada do alcatrán depositado no leito do río, na vexetación e nas beiras. Ao tratarse dun material tan pegañento, estes labores consisten en deixar a canle do río completamente limpa, mesmo sen oucas, pedras ou calquera outro tipo de material onde se tivese adherido o alcatrán. Consideramos que vai ser imposible retiralo dos pozos fondos ou das beiras onde as raíces das árbores forman un tecido de acceso impracticable.
As barreiras de herba seca parece que cumpriron bastante ben o cometido de evitar que a mancha se estendese, dado que no último tramo, xa cerca da desembocadura no Furelos, só se aprecian pequenas “galletas” illadas de alcatrán solidificado, sobre todo nos remansos. Non obstante, as análises da auga darán conta do verdadeiro estado da auga, porque, incluso nesta zona onde aparentemente case non chegou o vertido, o cheiro a chapapote é impresionante.
Agora o urxente é limpar a desfeita. Porén, os responsables políticos teñen a obriga de investigar o sucedido e actuar en consecuencia, no caso de tratarse dunha neglixencia, como todo parece indicar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario